Bo Nadal
Nas soidades dos neboeiros
mestos e anguriosos
das noites urbanas
choran ollos sen bágoas
perdidos e descorados.
Choran a súa miseria
de viaxes de idas sen vindas,
de impotencia que rabuña
o escaso sentido,
da coitelada que peteira o seu costado
e fura no seu cerebro.
O cabalo galopa dentro da vea.
Na cidade apagada,
un gris escuro e de chumbo
viste a pantasma onírica e lisérxica
co vestido da indiferenza
e deixa núa e vergoñenta
a alma dos hipócritas e fariseos
e os sepulcros branqueados.
Latexa sen ritmo,
sen compás e case sen son
a cidade.
Latexa feble e imperceptíbel
para non espertar as conciencias
e acubilla sen noxo
os silencios pechados,
inquietantes,
inmisericordiosos,
cómplices dunha aburada éxtase
de podremia que consume
o máis orgánico e humano
dos pobres desleixados.
E os seus pensamentos xiran
sen fin nin obxecto,
cisman, teiman inutilmente,
coma as avelaíñas cincentas
da noite insolidaria;
voan arredor
deste luar tristeiro,
deste túmulo presentido,
da mortalla,
do sudario.
Non hai po de anxo para viaxar.
É a morte oufana
quen viaxa ao lombo
dun cabalo branco de neve.